Tuesday 23 de April de 2024

O alcalde anuncia que A Coruña cumpre os obxectivos da súa Estratexia Enerxética para reducir o consumo en máis do 20% en 2020


Carlos Negreira destaca o dato de afiliacións á Seguridade Social do mes de outubro que sitúa á cidade en máis de 125.000, un dos mellores datos dos últimos anos

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou hoxe que o Plan de Estratexia Enerxética do Concello da Coruña con horizonte 2020 está a cumprir os obxectivos fixados, que teñen como fin unha redución do consumo, en 2020, dun mínimo do 20%. “Toda esta estratexia está encamiñada a reducir o consumo de enerxía non só por unha cuestión económica, senón para mellorar o medio”, sinalou.
A Estratexia enerxética toma como base os datos de consumo anual do ano 2012, que supuxeron 44 millóns de kwh, e pretende chegar a 2020 cunha redución mínima de 9,2 millóns de kwh, o que supón, economicamente, un aforro de máis de 2 millóns de euros na factura anual para as arcas municipais.
Tal e como informou o alcalde, xa se puxeron en marcha as primeiras medidas, como a substitución de luminarias obsoletas ou a eliminación do tanto alzado na iluminación pública: “Tiñamos case un terzo dos cadros eléctricos que se facturaban a prezo fixado, polo que descoñeciamos o consumo real”, destacou o alcalde quen recordou que esta medida supoñerá un aforro de máis de 300.000 euros anuais. Xa se puxo en marcha, tamén, a substitución de lámpadas incandescentes por LEDs en semáforos de 136 cruces da cidade, o que implicará, ademais de aforro económico, unha redución de emisións de CO2 á atmosfera de 330 toneladas.
O conxunto destas medidas e outras actuacións permitirán que en 2015 o aforro económico poida alcanzar os 700.000 euros anuais. “Todo o que fagamos as cidades será moi positivo para o medio e para facer espazos habitables. Cada un, dende o noso sitio, temos que facer, responsablemente, un esforzo para promover políticas ambientais, indicou o alcalde.

SEGURIDADE SOCIAL
Carlos Negreira cualificou de moi positivos os últimos datos de afiliacións á Seguridade Social na cidade correspondentes ao mes de outubro, que reflicten un crecemento do 0,61% (764 afiliacións) con respecto ao mes anterior e que supón, no acumulado en 2014, 4.195 afiliacións máis.
“É un dos mellores datos dos últimos anos xa que superamos as 125.000 afiliacións”, informou e engadiu: Axúdanos a pensar que podemos ir pouco a pouco superando esta difícil situación e nos dá algunha esperanza para poder continuar crecendo tanto en emprego coma en actividade económica. O alcalde destacou que A Coruña é unha das cidades españolas que sobe, mentres que tanto Galicia (-0,52) coma cidades galegas coma Lugo (-0,68) ou Vigo(-0,23) caen en número de afiliacións.
ALVEDRO
Por outra parte, o rexedor coruñés mostrou a súa satisfacción polos datos de AENA que mostran que hai “políticas que funcionan e que ben aplicadas supoñen a mellora das infraestruturas”. Neste sentido, recordou que Alvedro é o único aeroporto galego que incrementa as súas cifras no que vai de ano- un 22% fronte ás caídas dun 0,24% de Lavacolla e un 0,16% de Peinador-.
“Cando chegamos ao Goberno local en 2011, Peinador tiña un 2% máis de pasaxeiros que Alvedro e hoxe A Coruña ten un 40% máis. Demóstrase que aplicando certas políticas mellora non só o incremento de pasaxeiros, senón o turismo e a actividade económica da área”, subliñou á vez que fixo un chamamento a seguir traballando e “non descoidarse para atraer novas rutas” e consolidar as existentes.